Máis que Auga Navia comeza a conta atrás coa inscrición de socios e visitas á nova instalación

30/08/2015

Máis que Auga abre mañá nas súas novas instalacións de Navia unha oficina de atención aos clientes para realizar as inscricións de socios e reservas de cursos, de cara á entrada en funcionamento do centro prevista para mediados de setembro. A empresa viguesa tamén realizará visitas guiadas a colectivos e futuros clientes, para que podan visitar os 16.000 metros cadrados da instalación deportiva.

 

Para ser socio de Máis que Auga tamén se pode facer a tramitación por internet (www.maisqueauga.com). Dende a apertura do prazo o 24 de agosto déronse de alta máis de 2.300 novos socios aos hai que sumar os case mil que cambiaron de centro. Desta forma, nestes intres o centro de Navia conta con 3.346 socios.

 

Novos socios de Navia

O día 31 de agosto a partir das 9.00 horas comezará a inscrición nunha oficina situada en Máis que Auga Navia. A empresa instalará un punto informativo para subsanar as dúbidas existentes, e un mostrador de contratación, con varios postos para ir realizando as altas, así coma a contratación de cursos para os socios. Os horarios de atención ao público serán de 9.00 h. a 14.00 horas e de 16.00 h. a 21.00 horas (de luns a venres) e sábados de 9.00 h. a 14.00 horas.

 

Máis que Auga Navia ten diferentes modalidades de socios co obxectivo fundamental de cubrir a todos os públicos e necesidades. A tarifa máis baixa está nos 19 euros (matinal, fin de semana e discapacitado), mentres que a premium será de 35 euros e dará acceso aos tres centros de Máis que Auga, ademais de incluír pádel de balde de luns a venres de 7.00 h a 17.00 horas e un curso gratuíto de 1 día (excepto pádel).

 

Visitas guiadas

De forma paralela, as e os interesados en coñecer esta nova instalación deportiva de Máis que Auga en Vigo poderán facelo a través das visitas guiadas que se realizarán a partir do día 31. Serán grupos de 30-40 persoas e este percorrido terá unha duración aproximada de 30 minutos. Esta visita permitirá aos visitantes coñecer o novo centro de Máis que Auga Navia, que inclúen 8 pistas de pádel panorámicas, 4 salas de actividades, sala de fitness de 1.000 metros cadrados, tres vasos para natación, balneario e aprendizaxe. A instalación de Navia contará tamén cunha zona de ocio infantil para actividades lúdicas, educativas e deportivas, gabinete de nutrición e dietética, gabinete de masaxes e tratamento, cafetería  e un grande aparcamento.

 

Traballadores de Navia

O novo centro de Navia contará cunha plantilla de 55 traballadores para cubrir todas as necesidades dos socios e usuarios. Ademais do persoal deportivo (monitores, socorristas), tamén haberá persoal administrativo, recepción, limpeza, mantemento, fisioterapeutas… En total 55 persoas para dar o servizo correcto de atención na instalación deportiva máis grande Máis que Auga en Navia. A firma, de capital 100% vigués, ven de acadar a cifra de 70.000 clientes, dos que 15.000 son socios e poden realizar actividades deportivas nos centros Máis que Auga de Coia, Barreiro ou no novo de Navia a partir de setembro. Ademáis de aumentar o investimento e as instalacións, Máis que Auga está a aumentar nun 50% o emprego. Actualmente, conta con 120 profesionais, dos que 55 traballarán no novo centro de Navia (o máis grande dos tres).